COUTO MIXTO EM MELGAÇO
couto mixto foto: vortegmax.net
EMBAIXADA DO COUTO MIXTO EN MELGAÇO
Xosé Glez.
Redondela
13/08/2019
(…)
Tivo que transcorrer case un século para que os versos publicados en “Ares da Raya” en 1902 deixaran de ser un laio e unha utopia. Hoxe, cando as fronteiras que nos separaban foron suprimidas, no Museo Espaço e Memória da Fronteira de Melgaço están rexistradas as historias das miserias dos pobos dun e doutro lado do rio por falta de medios para subsistirem.
O concello de Melgaço é o máis galego de todos os que son raianos. Porque linda con varios concellos das provincias de Pontevedra e Ourense. Por isso compartimos unha mesma antropoloxia como estudou a socióloga francesa Fabienne Wateau no seu ensaio sobre a organización social no Val de Melgaço “Conflitos e Água de Rega”. Un dereito consuetudinario de oríxe xermánica que serviu para regulamentar usos e costumes común que ten as súas oríxes na Gallaecia, antes de que existisse o actual Portugal.
Acordei disto cando mirei a festa conmemorativa do costume da xente do rural que repartían os meses do ano vivindo nas brandas e nas inverneiras. Subían ás brandas (serras) en abril e voltaban en setembro ás inverneiras (aldeas do val). A festa, como non podía ser doutro xeito, foi amenizado polas gaitas que é o instrumento musical que comparten connosco. O vindeiro día 16 volveremos cruzar o río pola ponte de Arbo, camiño da antiga vila balnearia do Peço, na que estivo acubillado durante algún tempo Pepe Velo, o noso egrexio revolucionario máis universal, que foi capaz de soñar unha acción e realizala, secuestrando o “Santa Maria”, un buque de pasaxeiros de bandeira portuguesa, para chamar a atención do mundo das ditaduras salazarista e franquista. Algún día – tamén somos de soñar – pedirémoslle á Cámara Municipal a colocación dun monólito que lembre a importancia estratéxica que tivo aquela freguesía para acoller aos fuxidos da sublevación militar española, como xa fixemos en Turei, a freguesía lindante co Couto Mixto, onde o mestre Manuel Barros déulles apoio a Luís Soto e outros compañeiros fuxidos da represión.
A Asociación de Amigos do Couto Mixto en colaboración coa Cámara Municipal celebrará na Praza da República de Melgaço, ás 12:00 horas, a presentación da historia do Couto Misto cunha representación do grupo teatral Xeitura seguida dunha mesa redonda e a proxección dun documental no Museo Espaço, Memória e Fronteira na que participarán, amais do presidente da Cámara, Manoel Batista, Luís Garcia Mañá, Padre Fontes e Xosé Rodríguez Cruz. Será unha xornada lúdica que coincidará no tempo coa celebración da Festa do Emigrante e a feira semanal, que encherán as prazas e rúas de miñotos en ledo convívio amenizado polo grupo de música tradicional Airiños de Caldelas.
GALICIA CONFIDENCIAL
http://galiciaconfidencial.com